mércores, 17 de maio de 2017

Chorima


Outra primavera iniciada
reiterando a mesma noticia:
cando se decatarán en Galicia
que sen ti non somos nada!

Encetado de amor,
tinxido da túa pronuncia
verbalizo esta denuncia
amosando o teu esplendor.

Lingua galega; nai de pura estima;
es da miña fala adorno e aleivosía;
ti es o ser, a música, a letra e a poesía;
eu son o toxo, e ti es a chorima.

Luz do meu ollar, motivo real e aparente;
beizóns amarelas; recendos de cor
que me teñen nidia e vivamente
...encetado de amor.
 
Foto: Chorima . Toxal de amor.
-Letras galegas 2017-

Vídeo publicado por Manuel Cambón F.

luns, 1 de maio de 2017

Alfándega

Vellos romances de prisioneiros aluden ás calores que hoxe non se presentaron.
Nin se escoita a calandra, nin contesta o rousinol nesta mañá preñada de humidades e argumentos.
Con todo, as ansias voaban no entorno de incipiente fasto primaveral. Os arumes do chan traíanme lembranzas e o verdor que enmarcaba o cadro representaba á perfección os pensamentos...
Naquel escenario planteime na alfándega alegando nada que declarar, sabedor de que as miñas mans ilegais non se poden en público manifestar. 
Agardando polo visado fico contemplativo, mentras cavilo avaliativo no alixo de bicos vestidos que pretendo importar...

Foto: Ponte Mercé. Alfándega de verdor cinguido

venres, 14 de abril de 2017

Certeza

Apreixando a cunca cerebral coas mans do pensamento, escorrinlle algún soro que me deixou na tona dos miolos este sarillo que veño contar. 
De maneira reiterada escoito que nas cuestións de relevancia as mulleres sempre están no certo, fronte á constante equivocación dos homes sobre a mesma materia.
Por insistencia vehemente vouna dar por válida.
No entanto, desde o intre mesmo no que eu lle dou validez perde automáticamente eficacia. Polo mero feito de que son home; e, como tal, errado vou...

Foto: Cago, logo existo.

sábado, 1 de abril de 2017

Modernidade

Moito gosto da evolución en xeral. Case todas as cousas que nos trae aportan comodidade, gustiño e vantaxes. Caben o debate e mailo matiz, xa o sei.
Acaso podedes, sen ceibar un sospiro, imaxinar o noso mundo sen medios de transporte, sen luz eléctrica, teléfono, televisión (sen contar Tele5), ou sen YouTube? Seica sodes capaces de considerar a cotidianidade de vivir sen cociña de indución  e sen wikipedia?
Toda esa bagaxe de actualidade resúltanos imprescindible; pero nihil obstat para que pasmemos o ollo cando pasan por diante de nós a fermosura intrínseca duns pés calzados nun par de zocos disfrazados de entroido ribeirao.

Foto: Combinando.
(Feira do Viño 2017, Chantada) 

sábado, 4 de marzo de 2017

Corredor

Espazo inmenso de carreiras infantís,
 de pernas enfiadas entre os balaustres descoloridos polos veráns.
  Lugar acolledor.

Parapeto de niños de anduriña,
 secadeiro permanente de castañas, de noces e abelás.
 Das regalías todas atomizador.

Peitoril de olladas sorrintes cara a aldea nos días de festa,
 escenario de privilexiadas parolas.
 De conversas provocador.

Prolongación flotante da casa,
 bambán firme da incitante vertixe, altar interno
 e sagrario exterior.

Solaina máxica. Galería, enseña e blasón: Corredor.

Foto: Captura de lembranzas.

mércores, 1 de marzo de 2017

Ferraxe

Nexo. Conxunción copulativa, que funde pedra e madeira con simples engarces de harmonía.
Interruptor. Aparello sutil que procura a noite no día con simples xiros de aparente monotonía.
Sensual. Constante penetración en perenne simbiose de milimétrica asimetría.
Entre funcional e decorativa, ata mutar de ferro a sinxela fasquía.

Foto: Ferraxe (que non ferruxe) con carmín

domingo, 12 de febreiro de 2017

Desafinado

Entre a madeira garabullo,
do mundo insignificante; 
 estrafalario e nada elegante,
fraco a pesares do bandullo.

En miserias abundante,
en comunicación só barullo;
do labradío simple cadullo 
 e da estupidez agravante.

Respirando gas noxento,
 paso tímido e anguriante,
con gotos de abatemento.

Por este entorno abafado, 
baleiro do propio orgullo
son un piano desafinado.

Foto: Garabullo insignificante.

mércores, 18 de xaneiro de 2017

Quéixateme

Son moi pillabáns os que cortan en inglés. Despois de nos munguir no Nadal, queren seguilo facendo tamén neste mes.
Embuten trolas na televisión; con anuncios reiterados noutros medios de comunicación.
Chaman por ti para ofrecerche unha cousa moi rebaixadiña; e con esa ladaíña -aos catro ventos lanzada-, fan unha feira que se troca nunha trapallada.
Non teñen o que din e non lles importa un carallo o que me interesa a min. Soamente pensan que coa moita feira van encher a súa faltriqueira.
Non lles fagas caso e merca onde precises o que realmente necesites; pero se vas algún día e percibes que xogan á trileiría, non quedes sen voz; cando menos, quéixateme!

Foto: Queixo cun 25% de rebaixa.

sábado, 7 de xaneiro de 2017

Catividade

As palabras quédanse cativas cando hai que falar de persoas grandes.
Persoas que co seu día a día son capaces de nos demostrar que se pode ser importante sen perder a sinxeleza. Que é posible comandar a tribo sen necesidade de dar ordes.
E cando esas persoas se van, várresenos o chan de debaixo dos pés, pérdense os marcos de perto e xa non se coñecen os lindes da lonxanía. Ficamos sendo follas caídas no océano da inmensidade ao antollo dos ventos, sentindo como a corrente nos borra a propia identidade.
...
É ben posible que non se me entenda, pois cando se fala de persoas sumamente grandes, todas as palabras resultan extremadamente cativas...

Foto: Folliña cativa.

domingo, 25 de decembro de 2016

Trío

Amor tamén existe entre as moleculiñas de hidróxeno, que fan tríos de humidades viaxeiras coas de osíxeno. 
Contonéanse entrelazadas polo val, xogando a ser río; remansando para darse caricias polo calado en rectilíneo desprazamento. Profusión de abrazos, cada vez máis íntimos, na cercanía de meandros;  para rematar coméndose a bicos interminables aínda ben non chegan á tosta co desexo encorado.
Métense man descaradamente ao abrigo do muiño, delatadas en xemidos que agroman pola buxa.  Sabéndose descubertas corren entre as pedras con présas imposibles, para precipitarse en orgasmos brancos que as fai ferver na fervenza.

Foto:  Fervenza do Toxa. Amor fervido.

martes, 13 de decembro de 2016

Muíño

Presumimos porque somos muíño, e canchapernamos sobre fluídos en constante algarabía.
Gozamos esmagando mentras dicimos que contribuimos con iso á economía.
Gabámonos de pétreos xerifaltes consagrados nunha beiriña;
 para, sen ofertorios nin consagracións, convertir o trigo en fariña.
E -maquía tras maquía- non nos decatamos  de que, de tanto moer, morremos un pouquiño cada día.
 
Foto: Muiños do Folón. Decadencia e chulería

martes, 6 de decembro de 2016

Absurdo

Os cirurxiáns procuran perfeccionar intervencións cada vez menos invasivas coa finalidade de que a fochanca que provocan non necesite máis tempo de recuperación ca propia doenza que pretenden estirpar.
Na enxeñaría, antes ca obra que se vai abordar, estúdase con meticuloso agarimo o impacto que terá no medio, para mancar o mínino durante; e sobre todo non lesionar a ollada despois.
Todo circula por ese vieiro do mínimo dano para acadar a máxima eficacia. Todo menos os malabaristas da xestión de recursos humanos na chamada grande empresa. Niso afiáronse os bisturís para chegar máis ó fondo e tronzar as fibras a feixes. 
Hoxe Kafka sería un cotizado xefe de persoal sen moita competencia posible. Bueno, talvez Ionescu...

Foto: Galvanizo no pasadoiro.Impacto impactante. Ridícula viabilidade

mércores, 23 de novembro de 2016

Samartiño

Somos ínfimos desde o punto de vista cósmico. 
Por máis que pretendamos a reivindicación de centro neurálxico do universo, non somos máis ca micras dun po minúsculo que se move según zoan os ventos.
Na ousada sobrevaloración que de nós facemos, chegamos a defender, con mirada intelixente, que o obxectivo do mundo é a nosa propia existencia. Canta inxenuidade! Ínfulas de seres básicos pensar que o obxectivo é nacer.
A pouco que profundizamos na lóxica máis básica, decatámonos que para o único definitivo que vimos ao mundo é para fenecer.

Foto: Mirada intelixente allea ao Samartiño.

domingo, 20 de novembro de 2016

Extrínseco

Aprenderemos a ser realmente fortes cando  logremos copiar da natureza esa capacidade de preservar a intrínseca  fermosura, incluso baixo o ataque feroz das xeadas. 
Mentras iso non acontece sigamos inhalando dozuras cos ollos pechados, á vez que contemplamos cos oidos ben atentos a sinfonía para os sentidos que nos ofrece o lene e sutil roce dos pétalos cando se abren...

Foto: Agresión extrínseca. Fermosura permanente.

domingo, 13 de novembro de 2016

Refinado

Non é nada fácil. Á consabida limpeza cómpre engadirlle bo gusto no vestir e porte no camiñar.
Imprescindible unha conversa atinada para o momento e apropiada para as circunstancias. 
En todo nin moito nin pouco; e en nada excesos nin carencias. Agasallar mesura no implícito e sutilidade no explícito. Cordial pero distante; manexando a amabilidade sen que pase de cortesía...
Cando todo iso dominas, e vas ser investido gentleman da túa corredoira, danche ganas de mexar; e escarallouse o nomeamento.

Foto: Agarrado á pirola nun recanto. Dimisión do gentleman por imperativo vesical.

sábado, 5 de novembro de 2016

Presente

Botamos media vida sen mirar ao pasado, obcecados unicamente na construción do futuro. E, claro, desta maneira non hai quen saiba conxugar o actual. 
Se a ese cóctel engadímoslle as présas coas que andamos; resulta doado comprender que o problema non vai ser a ausencia de futuro (xa se verá), senón que o drama radica en non ter presente (xa se ve).

Foto: Onte e hoxe. Mañá será outra foto

sábado, 4 de xuño de 2016

Recanto

Hai lugares que facilitan pousar as inquedanzas que nos abrochan a gorxa do ar, permitindo así respirar ata o fondo do último dos alvéolos.
Lugares nos que os sons untan con xenerosa suavidade a maquinaria de audición, mesturando a semántica dos verbos escoitar e gozar.
Hai lugares nos que se deitan as miradas con recalcitrante intención de permanencia, atándonos con fibeliñas de marabilla e vincallos de pracer.
Lugares nos que a enerxía que deles emana unicamente contamina de emocións, irradia dozuras e fagocita pesares.
Grazas a eses recantos de encantos, podemos deleitar o ánimo, congratular o espíritu e acougar as intencións. 
Todo en sistema de barra libre.

Foto: Recanto de encantos.

martes, 17 de maio de 2016

Contigo

Contigo, desde o colo do amor máis nidio, abríuseme o mundo.Contigo escoitei os primeiros sons que hoxe son os meus sons. Contigo sentinme sempre vestido de razóns aínda que fose nú de argumentos.
Contigo amei, incluso silente, porque ti bulías, vital, no meu maxín. Contigo supero o singular para confluír pluralizando en nós.
Contigo mergúllome en sintagmas de acentos matrios, pousando substantivos en conversas adxectivas, erguendo verbos e deitando verbas que constatan que sen ti ficamos sen fala e non somos nada.
Contigo, lingua galega, sempre contigo quero bolinar por vieiros e sendas novas, e así seguir calcetando na semántica mentras debuxamos viravoltas de fermosura.

"Galiza somos nós: a xente e máis a fala" . Letras galegas 2016

Foto: Contigo ata o Cabo do Mundo.

domingo, 1 de maio de 2016

Maio

Afinados tubos de escape dan o tono con ralentís uniformente acelerados, que se van mesturando no resto da orquestra de murmurios cidadáns en desigual harmonía.
Taconeos apresurados sobre beirarrúas ateigadas percuten con reiteración, marcando o ritmo dunha métrica desmedida.
A bailarina concéntrase para sair agardando o seu compás de entrada. A pista énchese con ducias de ollos dun público ambulante, desexoso de baleirar a invernía. 
Nada falta; que empece xa o baile do maio!.

Foto: Bailarina concentrada.

venres, 22 de abril de 2016

Derrotados

Pitopá e Pitopé querían mandar no galiñeiro con estratexias de canto semellantes. Á dereita do poleiro o vello Pitorrá e mailo pico novo Pitorrí afiaban os espolóns con maneiras elegantes.
Como o curral non deixou definidas as preferencias, estiveron catro meses de porfía medíndose as cristas para demostrar a de máis valía.
As pitas mentras tanto escarabellaban con desagrado vendo como perdían o tempo medíndose dende o pico ata o rabo.
Tras días e días cacarexando que a vida das pitas saberían arranxar, foise descubrindo que o único que querían delas era podelas galar. 
Velaquí catro gañadores en decembro autoproclamados que chegaron á primavera sen plumas e totalmente derrotados.

Foto: Catro pitos.

luns, 4 de abril de 2016

Cata

O primeiro asubío é a vista. Cantas veces asinaríamos veredictos nese estadio; pero non se debe ser superficial cando o que se quere é, precisamente, profundizar.
E así entramos na fase olfativa. Aquí cómpre aplicar habilidades que permitan afondar  gratamente no coñecemento, á vez que deben coidar que non nos rompan o caserío da pituitaria.
Por fin chegamos ao momento gustativo. Soamente coa boca, olliño con isto; e por moito que che guste, hai que cuspir...
Ser catador de viños profesional é moi difícil. Por iso eu  sigo barallándome na pasantía do eterno aprendiz.

Foto: Cata en fase visual.

sábado, 19 de marzo de 2016

GastroFestas

No ADN galego vai inserto un código que nos manda santificar as festas. Gastronómicas por suposto.
Temos un algo que nos leva a examinar a conciencia o almanaque festeiro para non faltar a ningunha que se nos tercie cercana. Pasamos de puntiñas a contrición polas ausencias a edicións anteriores e confesámonos ferventes do santoral enteiriño.
E cando imos participamos activamente achegándonos ata o altar para recibir a comunión. Con devoción por suposto.

Foto: Parroquiana do polbo do gran sabor.
(Feira do Viño de Chantada 2016)

sábado, 27 de febreiro de 2016

Antas

Eixo da existencia, centro do pensamento:
 lugar.
Da flor pecíolo, do pan fermento:
 amar.
Filiación primixenia, do amor portento:
fogar.
Berce do río, do monte sustento: 
sen par.
Lembrando a Castelao, un decátase que nada une tanto como compartir a emoción sentimental de saber que a vila natal non é coma todas as vilas.

Foto: Nevarada febreiriña.

venres, 19 de febreiro de 2016

Pactar

Sorprende a dificultade que os políticos están demostrando para tecer pactos.
A sorpresa gurgulla na sociedade porque todos nos consideramos expertos na materia. Pensamos que sabemos acadar acordos, cando o que dominamos moi ben é impoñer criterios.
Pero pactar é moi complexo. Require audacia para empatizar con elegancia, sen perder a ocasión de materializar continxencias que a outra parte non necesariamente ten que coñecer. 
Soamente así, o día da sinatura, poderán as partes darse un apretón de mans sen prexuizos pola asepsia do pactado.

Foto: En plena negociación.

domingo, 7 de febreiro de 2016

Rotondas

Resulta complicado pensar como poidemos vivir tantos anos sen elas. Non hai vila que se prece con menos de tres ou catro. Están de moda.
Este vicio polos círculos é unha expresión resumida do pensamento humano (multiplicado por seis na versión feminina). Mergullados en ideas, teimas, obsesións ou desexos; entramos nun bucle de iniciativas redondeadas que nos permite escoller entre varias saídas, seguir ensarillados no proceso ou incluso volver ao punto de partida sen embragar unha soa vez.
É por iso que eu estou convencido que as rotondas non as argallou ninguén con licenciatura en enxeñería. Foi unha psiquiatra.

Foto: Pre-rotonda da Ponte Mercé. 180º de viraxe.